Curso continuo de análise 2022-2023

Este ano, o curso continuo de análise trae dous compañeiros: un obradoiro previo de lectura cantada de partituras, de 6h de duración, e un curso complementario de 12h de duración sobre características que non tratei en anos anteriores: variación, entoación non temperada, análise comparada…

cursos 2017-2020 / fotografías: Ramon Almuinha, Alba María Rodríguez e propias

Que facemos no curso? Aprendemos escoitando gravacións orixinais, cantando (moito) desde partitura e aplicando os coñecementos paso a paso, de xeito progresivo e práctico. Parto da experiencia dos cursos que iniciei no Instituto de Pedagoxía Musical Kodály, en Hungría, e na dos xa numerosos cursos realizados n’aCentral Folque e noutros centros e conservatorios en Galicia nos últimos dez anos para aplicar melloras en cada nova edición. Este ano o curso constará de 13 sesións de 4 horas cada (52 horas totais). Nel poderás preparar a proba de análise das oposicións a mestres de música.

prezo da matrícula para o curso de análise é de 350€ (se queres reservar praza, podes facelo aquí). Se ademais che interesa asistir ao obradoiro previo ou ao curso complementario, a matrícula terá descontos, que podes consultar aquí. O curso terá lugar na Sala Circular do Auditorio de Galicia os sábados indicados no plan, do 29 de outubro ao 13 de maiode 10 a 14h, segundo o que ves nesta táboa:

(para descargar a táboa en tamaño máis grande, fai clic aquí)

Como traballamos a análise? Podes ver parte do método noutras páxinas e entradas deste blogue (por exemplo, aquí). Tes algo máis completo na versión publicada no KodályHub da miña guía de análise (+ info nesta entrada). Se tes algunha pregunta sobre o curso, escribe ao enderezo de contacto desta páxina. Se as dúbidas son sobre cuestións administrativas ou matrícula, escribe a matrícula@folque.com.

Podes ler aquí un resumo dos contidos do obradoiro previo e do curso complementario. Esperamos que che interese, agardamos por ti no grupo deste curso!

Obradoiro de lectura de partituras

(6h de duración; sábados 1, 8 e 15 de outubro de 11 a 13h, no Auditorio de Galicia)

O obradoiro está dirixido a persoas matriculadas no curso continuo de análise. Acostuma haber persoas interesadas no curso mais con pouca formación académica, e tamén persoas con formación académica mais que non acadaron destreza na lectura cantada de partituras (é dicir: que non escoitan internamente como soa unha melodía ao vela en partitura). Se che interesa o curso de análise pero pensas que non vas ter tempo para asimilar as aprox. 200 partituras que veremos, ou se tes destrezas básicas de lectura e queres mellorar e axilizar a tarefa de facerte coa música, de interiorizala, recomendo que te apuntes a este obradoiro previo.

Curso complementario de análise

(12h de duración; sábados 25 de febreiro e 11 e 25 de marzo, de 16:30 a 20:30, no Auditorio de Galicia)

Neste curso trataremos características cambiantes das melodías. A música é tamén proceso, observable por exemplo no fenómeno da variación melódica como un tipo de improvisación: cómo unha persoa cambia unha melodía ao longo dunha mesma execución ou ao longo de varias execucións? como cambian as melodías executadas por distintas persoas, en distintos momentos e lugares? Veremos exemplos de heterofonía, entendida como as variantes que se executan simultaneamente, e escoitaremos e cantaremos exemplos de música tradicional de Galicia e tamén do revival folk de Hungría ou Irlanda. Veremos cómo nas variantes dunha mesma melodía cambian a afinación, a escala, o número de sílabas dos versos, cómo cambian o compás, o modo de execución (tempo giusto ou rubato) ou mesmo o número de versos e a forma até facer unha melodía case irrecoñecible, e trataremos, sempre con exemplos, o concepto de «tipo melódico». Afastamos o foco da análise para achegarnos á panorámica e á comprensión xeral do repertorio.

About Sergio de la Ossa

músico, profesor, investigador
Estas entrada foi publicada en cursos, Variantes coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario