Curso: “O Cancioneiro popular galego”, Santiago 2024

Cuarta edición do curso despois das realizadas no Conservatorio Superior de Vigo (abril 2019, febreiro 2024) e Santiago (aC Folque, marzo 2022). Podemos considerar o Cancioneiro popular galego de Dorothé Schubarth como o arquivo musical máis grande e mellor ordenado de Galicia. No curso daremos claves para aproveitarmos o mellor posible o CPG.

O curso organízao aCentral Folque e terá lugar os sábados 6 e 13 de abril de 2024, de 10 a 14h, na Sala Circular do Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela). Matrícula: 45€. Para inscribirte fai clic aquí. Máis información, en matricula@folque.com.

Resumo

Malia ser unha das fontes máis citadas en Galicia no campo da investigación de música tradicional, o Cancioneiro popular galego é un traballo en xeral pouco comprendido e usado. No curso abordaremos esta obra imprescindible na descrición da música vocal de tradición oral en Galicia para darlle continuidade a través da busca de melodías no cancioneiro. Tes unha descrición detallada do curso na ligazón á entrada sobre o curso d’aCentral Folque

Que trataremos?

Comezaremos cunha panorámica xeral dos volumes do Cancioneiro con audición dunha escolma de exemplos. Falaremos sobre a estrutura dos volumes: apartados xerais, información sobre un volume que se completa noutro posterior etc. Achegaremos guías para a lectura das partituras, trataremos o sistema de escritura e as características da música, e prestaremos especial atención á notación das variantes. Despois da mostra duns casos iniciais, practicaremos a busca de melodías no vol. VII. Compararemos o CPG con exemplos europeos semellantes e falaremos dos ecos do CPG (recensións europeas e españolas, o traballo de Schubarth no Grupo de Estudo sobre Análise e Sistematización do International Council for Traditional Music). Resumiremos as achegas destacadas do CPG e sinalaremos algunhas tarefas por completar.

Na presentación dos temas achegamos numerosos exemplos, con especial atención ao apoio visual, para facilitar todo o posible a consulta e comprensión do CPG. Unha das dificultades do uso do CPG é a reunión de información relacionada que se atopa en distintos tomos e seccións da publicación (tomos que, por outra parte, son grandes e pesados!). Ao simplificar o exame dos casos escollidos vemos o traballo dun xeito distinto, máis doado de abordar.

A parte central do curso ocúpaa a busca no CPG de cántigas doutras procedencias, co que podemos completar o que sabemos sobre a difusión e variación das melodías. Por exemplo, para sabermos se entre as propias compilacións, ou noutras compilacións, se atopan sons novos, anteriormente descoñecidos, ou novas variantes de melodías raras. Entre as cántigas escollidas para este curso veremos algunhas popularizadas por Leilía, Muxicas ou Tanxugueiras, e outras recollidas por Carlos Rey para Tecnosaga, a agrupación Castro Floxo (Cancioneiro popular da provincia de Ourense) ou o Seminario Menéndez Pidal.

Se queres entrar no CPG e pensas que precisas unha guía, ou queres facelo en compañía, cantando, escoitando e avanzando paso a paso, únete a nós neste curso!

About Sergio de la Ossa

músico, profesor, investigador
Estas entrada foi publicada en cursos coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario