Romances, aninovos e Cantigas de Santa Maria

O repertorio tradicional ofrécenos de cando en vez afortunadas sorpresas. Non sempre somos quen de rastrexar a pegada das melodías vellas, por falta de paralelos nas tradicións orais ou de documentos históricos escritos; é entón cando máis necesaria se volve a análise formal, que nos permite recoñecer características que conecten entre si manifestacións xeograficamente ou historicamente afastadas.

Nesta entrada vemos un interesante trío de exemplos. Por unha banda temos dúas variantes dunha mesma melodía (a primeira, un aninovo recollido en Galicia; a segunda, un romance da Estremadura portuguesa) e por outra banda unha Cantiga de Santa Maria, que comparte tipo melódico coas anteriores e tamén escala co romance.

Para comezar podedes cantar este aninovo en modo de dó ou xónico. Aínda que estea anotada con final en sol (unha convención), podedes escoller a altura que vos sexa máis cómoda; na gravación orixinal cantaron en si. Para ver a transcrición completa ou escoitar a gravación, facede clic na seguinte partitura (ou tocade co dedo nela se estades lendo no móbil):

Aninovo recollido en Loseiro, O Incio (Lugo) ca. 1985 por Xosé Luís Rivas “Mini”

Os aninovos ou manueles cántanse no primeiro día do ano. O texto de benvida que vedes baixo a partitura é seguido dun romance relixioso (A Virxe e o cego, IGRH #226) e das coplas de despedida habituais.

Unha fermosa variante da anterior melodía, aplicada ao romance de tradición portuguesa O conde de Alemanha, aparece na publicación Tradições Musicais da Estremadura de José Alberto Sardinha (Vila Verde: Tradisom, 2000). José Ribeiro de Sousa cantou esta melodía (en modo de re ou dórico, co 6.º grao rebaixado só para o descenso do último verso) en Leiria en 1999.

Varios azares conducíronme a asociar sempre este cantar, desde hai unha década, á polifonía. Relato brevemente a historia desta creación ou adaptación colectiva, cos correspondentes créditos: un día levei este cantar á aula de música no Instituto Kodály. A sonoridade do romance lembroulle a Albert Pálinkás Berci, músico húngaro e naquel momento tamén técnico de son no Instituto, a melodía do refrán de Como poden per sas culpas, Cantiga de Santa Maria n.º 166 composta no s. XIII na corte do Rei Sabio. Atopei afortunada a súa impresión e pensei que podería funcionar ben en quodlibet, que probei axiña coa miña parella, Veronika Gergely. Vera lembroume que fixera esta CSM en canon co grupo de música medieval Sub Rosa, onde tocara e cantara. O seguinte paso foi claro: aplicar o canon ao romance portugués; e o último paso tamén caía por si só: facer en dobre canon o Conde de Alemanha e mais a CSM n.º 166. Así é como me acompañan estas melodías en moitos dos cursos dos últimos anos.

Unha nova e moi feliz sorpresa viría cando en 2019 María Giménez, do conxunto Manseliña, adaptaba a variante portuguesa da melodía ao poema Ũa moça namorada de Lourenço, xograr do s. XIII, e gravou este fermoso vídeo xunto a Tin Novio na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. María Giménez canta e toca a fídula oval e Tin Novio toca o laúde medieval (ambos os dous instrumentos réplicas dos representados no Pórtico da Gloria). A adaptación é sutil e creativa, coa imitación parcial do laúde durante o canto que soa espontánea e non distrae do que é principal nese momento; coa música das estrofas da CSM nos interludios instrumentais que achega variedade e coa case imperceptible inclusión dalgún xiro proveniente da CSM na melodía desta versión do Conde de Alemanha. Non podería imaxinar máis artística e tamén natural adaptación para estas músicas e letra. A toma de son, a realización de vídeo e a acertada escolla do lugar para a interpretación non fan senón realzar un resultado espléndido.

Que ledicia ver como as músicas que un leva aos cursos estenden a súa vida e botan raíces sexa noutras aulas, sexa en escenarios ou en gravacións coma esta! Síntome afortunado polo alumnado que asiste aos cursos de análise ou de didáctica da musica tradicional. Moitas veces, polo placer de facer música con persoas que traen consigo unha rica bagaxe musical e que arriban ao curso sexa por intereses académicos, por coñecer outro tipo de repertorio ou na procura de conexións con repertorio histórico ou con repertorios doutras culturas, na procura de ritmos ou de escalas pouco comúns.

Un imperativo para o ensino que asumo con pracer é o de escoller a mellor música posible, seleccionala con agarimo e con gusto, pois será a música que vivamos no día a día; música que ilumine e enriqueza a vida cotiá, nunca vulgar, gris ou robótica.

— — — — —

P.D.#1: Manseliña vén de publicar o seu segundo CD, María Pérez se maenfestou, cantigas de escarnio a María Balteira, e está a preparar unha nova gravación. Combinan con moito acerto música medieval e música tradicional, non perdades de vista o seu traballo!

P.D.#2: Os perfís melódicos do aninovo e mais do romance portugués tédelos comparados en A Basic Guide to Folksong Analysis (2019), onde aparecen ambas as dúas partituras. (Lembrade que o acceso á publicación online é gratuíto, previo rexistro; tedes máis info aquí.)

About Sergio de la Ossa

músico, profesor, investigador
Estas entrada foi publicada en cursos, música modal, romanceiro, Sen clasificar, Variantes coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s