En setembro de 2020 viu a luz no sitio da Academia Húngara das Ciencias (www.zti.hu) esta fenomenal base de datos, que fai máis accesible e tamén expande a monografía orixinal do mesmo título de Vera Lampert. Publicada en húngaro en 1980 (e revisada en 2005), editouse tamén en alemán en 1982 e en inglés no 2008.

Na base de datos dispoñemos de gravacións de audio das recollas orixinais (cando as hai); de gravacións de Bartók mesmo ou de fragmentos de rexistros de Zoltán Kocsis ao piano; das transcricións orixinais de Bartók en facsímile e das versións finais das melodías tal e como apareceron nas súas obras. Ademais das ferramentas de exploración e de busca avanzada, inclúese a introdución orixinal da monografía de Vera Lampert e mais un mapa. A edición está a cargo de Márton Kerékfy e de Viola Biró.
Podemos consultar a base de datos en inglés (http://bartok-nepzene.zti.hu/en) e mais en húngaro. Velaquí a nova da publicación da base de datos en inglés, con máis detalles: https://zti.hu/index.php/en/ba/events/849-new-database-folk-music-in-bartok-s-compositions
Anímovos a consultar algunha das obras e fontes xa dispoñibles desta base de datos aínda en construción. Por exemplo, un movemento dunha das obras máis interpretadas e coñecidas de Bartók, as Danzas populares romanesas.
Clicando na pestana “BROWSE” (“EXPLORAR”), e despois á esquerda en “Piano works” (“obras para piano”) atoparedes a obra. Clicando no título dela aparecerán os seus distintos movementos. Clicamos en “Stick dance” (Jocul cu bâtă):

Debaixo da partitura coa melodía (tal e como esta aparece na versión da obra para piano), vemos un reprodutor coa gravación de campo da melodía, e tamén os datos dispoñibles sobre ela. Debaixo dos datos da recolla temos distintas fontes da notación:

Abro, por exemplo, a fonte (D), que corresponde ao n.º 425 de RFM/I e . Se abrimos a pestana “SOURCES&ABBREVIATIONS” (“Fontes e abreviaturas”), saberemos que corresponde a
RFM/I–III | Béla Bartók, Rumanian Folk Music, vol. I: Instrumental Melodies, vol. II: Vocal Melodies, vol. III: Texts, ed. Benjamin Suchoff. The Hague: Martinus Nijhoff, 1967. |

Na pestana “Audio Recording and Score” (“Gravación de audio e partitura”) podemos escoitar un fragmento da gravación de Zoltán Kocsis ao piano para Hungaroton, e mais a gravación do propio Bartók editada polo mesmo selo:

Na pestana “Comparison” temos as diferentes versións da notación da melodía visibles unhas xunta as outras:

Comprobamos aquí diferenzas máis ou menos sutís entre a melodía que coñecemos polas interpretacións habituais (ou pola partitura) e a transcrición da gravación; diferenzas apreciables tamén na gravación, e que poden suxerirnos unha execución rítmica máis aberta e máis fiel ao estilo orixinal.
Así se ve o mapa cos lugares onde gravou Bartók dentro das fronteiras da Hungría anterior a 1920. Clicando nas localidades accederemos ás melodías rexistradas e ás obras creadas por Bartók a partir delas. Neste caso, vemos a localidade en que Bartók recolleu esta melodía:


Alégrome de que se fagan realidade iniciativas coma esta, que nos achegan á creación musical e á música tradicional e que nos facilitan o acceso ás fontes, con estudos coidados sobre elas. Tanto se vos interesa a música tradicional, en xeral, como se tocades obras de Bartók inspiradas nela, sen dúbida será obrigada a visita a este sitio. Nunca sobran as ocasións para coñecer máis e mellor a este músico marabilloso e á marabillosa música dos pobos da conca dos Cárpatos (e de alén deles) que el amou, que loitou por dignificar e que quixo compartir con todos nós!