Se estades interesados en profundar na análise de cancións tradicionais, e especialmente en preparar a proba de análise das oposicións a mestres de música, comeza a finais de outubro un curso de 52 horas, en 13 sesións de 4 horas (sábados pola mañá, semanas alternas ata comezos de maio 2020). O prezo do curso completo son 280€, organízao aCentral Folque e terá lugar en Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia.
As datas e os contidos das sesións programadas védelas no seguinte documento de texto (Analise_Sesions_19-20) ou aquí abaixo. Podedes completar a matrícula aquí.
(Este ano dispoñemos de dúas sesións máis ca no curso pasado. Empregarémolas para establecer con máis firmeza a análise do ritmo, sempre complexa, e mais a da escala, expandir as lecturas e as explicacións sobre versificación e dedicar máis tempo ás análises completas ao final do curso.
Os cursos intensivos de 8 ou 16 horas son, como o seu nome indica, de introdución. Neles preséntanse os parámetros de análise, danse as definicións e as ferramentas para analizar e aplícanse a uns exemplos iniciais. Aquí poderemos con máis calma dixerir os contidos e ver unha grande variedade de exemplos, tamén os pouco frecuentes, especiais ou únicos.
Por experiencia de alumnas que asistiron a aulas continuas (particulares ou en grupo), o rubicón pásase nun momento determinado do curso, cando o manexo das varias ferramentas que se van presentando progresivamente faise máis doado e o método cobra coherencia, e afirman entón que é máis simple ca outros. Os resultados da análise, cun uso exacto da terminoloxía, pódense expresar con máis sinxeleza e rapidez (importante para quen se prepara para unha redacción exprés).
Ao curso, útil en especial para preparar a proba de análise das oposicións a mestres de música, preséntanse persoas con distintos niveis de formación e tamén interesadas en aprender sen o obxectivo final do exame. No curso damos prioridade á aprendizaxe, en dar as ferramentas para interpretar musicalmente a cantiga que estudamos, sexa para publicar sobre ela, para falar sobre ela nun exame ou para cantala.
Se tedes algunha pregunta sobre o contido do curso, escribide ao enderezo de contacto desta páxina. Se as dúbidas son sobre cuestións administrativas ou matrícula, escribide a matrícula@folque.com.
O número de prazas é limitado!
Pingback: Curso continuo de análise (2020-2021) | Análise musical