O curso, organizado por aCentral Folque, terá lugar os sábados 19 e 26 de marzo, de 16 a 20h, no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela). A matrícula é de 45€, e o artigo sobre o curso e o contacto para inscribirse están nesta ligazón.

Resumo
Malia ser unha das fontes máis citadas no campo da investigación de música tradicional, o Cancioneiro popular galego é unha obra en xeral pouco comprendida e usada.
No curso abordaremos as claves para o uso desta obra imprescindible na descrición da música vocal de tradición oral en Galicia, a través da ordenación de información que aparece espallada nos seus distintos volumes e apartados; do exame detallado de exemplos propostos pola autora; da reformulación ou maior detalle na explicación de fenómenos musicais; e da comparación deste traballo con outros de características semellantes, pouco coñecidos en Galicia.
Obxectivos
—Acadar unha mellor comprensión do CPG e, por extensión, da música vocal de tradición oral en Galicia. —Aprender a manexar o CPG e a buscar información dentro del. —Comprender fenómenos propios das músicas tradicionais como a variación melódica e formal, a proxección ou transformación melódica, o libre intercambio de valores longos e breves etc. —Coñecer os xéneros que se definen por características musicais e comprender as súas definicións. —Facilitar a lectura das partituras mediante exemplos prácticos: melodía principal e variantes rítmicas e melódicas; sincronización do ritmo do canto e da percusión etc. —Comprender o sistema de ordenación de melodías e ser capaz de atopar melodías polas súas características (no vol. VII só e tamén en combinación con outros volumes).
Contidos
—A estrutura dos volumes: apartados xerais, información dun volume que se completa noutro distinto.—O sistema de escritura e as características da música. Armadura real vs armadura tonal. A escrita sen barra de compás; grupos de corcheas unidas por barra; diferenza de acentuación entre canto e percusión etc. —A notación das variantes. —Lectura das táboas sinópticas. —A descrición da música. Terminoloxía e conceptos relacionados. —O sistema de clasificación musical, a ordenación das melodías. Comparación con outros exemplos europeos, en especial húngaros (Bartók, Járdányi).