Pandereteiras de Mens

Este mes pasado chegaba por fin ás nosas mans, materializado en libro, Pandereteiras de Mens de Beatriz Busto, editado por aCentral Folque. Tiven a sorte de ir seguindo as distintas etapas do estudo e traballo de campo de Beatriz, gran profesional, antropóloga e musicóloga, con quen colaborei na sección dedicada ao estudo musical e na laboriosa tarefa de transcribir as músicas e, sobre todo, as letras (cantas veces houbo que entresacar ou adiviñar estas últimas de entre as ruidosas ferreñas!), para o que nos apoiamos tamén no coñecemento e bo criterio de Felisa Segade e de Antón Santamarina.

A autora comparte connosco os froitos dese longo proceso que supón averiguar que feitos aconteceron na realidade, destapar documentos que non coñeciamos, ou dos que só tiñamos rumores, para elaborar un relato onde se desentrañan significados dos diversos puntos destacables da historia ou historias tecidas arredor destas cinco mulleres.

Se estas mulleres gozaron de sona foi principalmente debido á súa arte coa música, mais na realidade, como confesaba Teresa da Canónigha a Tareixa Navaza na reportaxe desta última para TVE, a elas o que lles “levaba idea” era o baile. O legado musical que coñecemos delas é, fundamentalmente, soporte do baile.

Son cinco mulleres con nomes e apelidos (e alcumes): as irmás Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, do lugar de Asalo; e Manuela Lema Villar, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, do lugar de Mens, coñecidas alí como Prudencia e Asunción de Beán, Manuela de Benita, Adela da Ghagha e Teresa da Canónigha.

Sobre o estudo musical, destaco o especial que foi (que é) poder examinar varias versións dunha mesma melodía ao longo do tempo, en boca das mesmas cantadoras. Hoxe sabemos máis sobre como se comportan as melodías, e podemos ver como se transforma, por exemplo, un dos sons que Dorothé Schubarth recolleu e transcribiu no Cancioneiro popular galego. Sabemos máis de como é unha melodía a través dos seus cambios, non só nun momento determinado, nunha recolla determinada.

Neste libro contamos co excelente traballo de Benxamín Otero na edición das partituras, que foi laborioso en certos casos por empregar solucións pouco habituais.

Para saber máis sobre os cambios de escala e afinación, sobre os ritmos, sobre as variantes simultáneas e sobre outros detalles que é bo coñecer para amar esta fermosa música de Mens, e asemade de Bergantiños e de Galicia, anímovos a participar nalgunha das presentacións que se farán os próximos días e, por suposto, a escoitar as fermosas voces de Mens no CD e a ler algún dos libros que agora estarán circulando polas librerías e bibliotecas do país.

Este sábado, 18 de decembro, en Malpica. O xoves 23 de decembro, en Santiago. E a info sobre a publicación no sitio da editora.

Non pode un menos que sentirse afortunado de formar parte deste traballo, o agradecemento vai para todas as persoas que o fixeron posible!

About Sergio de la Ossa

músico, profesor, investigador
Estas entrada foi publicada en Sen clasificar coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s