É habitual que nestas datas do ano me ronden pola cabeza varias melodías para destacar do ciclo de Nadal. No 2018-2019 xa publiquei unha entrada sobre dúas variantes dunha fermosa melodía modal. Nesta ocasión achego outros sons, sen moita análise, co ánimo só de que asomen a cabeza entre os moitos que están publicados no APOI e por se, como foi no caso do primeiro deles, lle parecese a alguén máis que sería boa idea seguir cantándoos.
O señor Eliseo entoáballe a Mini no ano 1996, en Carballo, a seguinte melodía ben floreada (clica directamente na partitura para escoitala, ou no destaque anterior para ver a ficha completa!):
En 2019 témola recreada na fermosa voz de Catalina Moura co acompañamento de Ariel Ninas e César Prata. Mira o seu “do Natal aos Reis” para máis temas (e, se che gustan, levar o disco contigo)!
Da seguinte melodía hai moitas gravacións, e esta da colección de Mero é das máis adornadas. Alternánse aquí cantando os irmáns Germán e Pilar Seoane Lata, en Mesía, no ano 1983. Cada un, como era habitual, canta un pé (dous versos, aquí de seis sílabas cada un) da poesía-música. Esta gravación aparece tamén en Dispostas para cantare, CD con libriño editado en 2017 polo 40 aniversario do Museo do Pobo Galego. Ambas as melodías atopádelas na base de datos en Rede do APOI (http://apoi.museodopobo.gal/). (De novo, clica na partitura para escoitar a gravación, ou no destaque anterior para acceder á ficha completa e ás transcricións de música e letra.)
Feliz Nadal, que xa vai vindo!