Soinuenea Fundazioa, Eresbil (Arquivo Vasco da Música) e Musikene (Centro Superior de Música do País Vasco) organizan estas XIX Jornadas de Música Popular: Cancioneros y repertorios tradicionales, que se celebrarán do 19 ao 21 de novembro de 2021 en Donostia, Errenteria e Oiartzun.

Esta edición das xornadas tratará do estudo de cancioneiros e repertorios populares, con sesións de exposición e traballo sobre transcrición e clasificación. Dorothé Schubarth e Antón Santamarina presentarán o Cancioneiro popular galego e coñeceremos diversos arquivos e cancioneiros do País Vasco e de Cataluña no simposio do primeiro día (venres 19).
Eu participarei xunto con Dorothé Schubarth na exposición e sesión práctica sobre transcrición (sábado 20) e falarei sobre a investigación en música tradicional en Hungría no s. XX (El Corpus Musicae Popularis Hungaricae: del plan de Kodály y Bartók (1913) a los tipos melódicos de Járdányi, domingo 21), centrada na edición completa das cancións tradicionais húngaras e na evolución dos sistemas de clasificación.
Para participar nas xornadas é preciso inscribirse. Os detalles sobre a inscrición e o programa completo das xornadas están dispoñibles nesta ligazón.
