No Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina temos a máis extensa compilación de cancións tradicionais de Galicia —documentada, ordenada e clasificada— que se publicou até o momento. Schubarth emprega no vol. VII criterios estritamente musicais para clasificar as cántigas reunidas dos anteriores volumes. Isto permite presentar xuntas melodías afíns que pola súa función ou texto pertencerían a seccións distintas (por exemplo, unha melodía concreta pode usarse como arrolo ou como muiñeira vella).
Se queremos saber se unha melodía que acabamos de recoller, ou que outros recolleron ou publicaron con posterioridade ao traballo de Schubarth, está incluída no CPG, temos dúas opcións: 1) coñecermos todo o repertorio do Cancioneiro, e gozar dunha excepcional memoria e intuición (hai melodías que se atopan moi modificadas ou transformadas); 2) saber buscar no CPG segundo os criterios empregados nel.
Para buscar melodías no volume VII do Cancioneiro Popular Galego, onde ademais das táboas sinópticas temos índices de todo o material reunido nos seis volumes anteriores, o elemento principal que debemos coñecer e manexar é o das cadencias relativas.
Chamamos cadencia melódica (cadencia, a secas, nun contexto melódico) á última nota dun verso. As cadencias absolutas marcan a altura, a nota ou grao concreto da escala en que remata cada verso.* Coas cadencias relativas márcase a diferenza ou relación de altura (igual, máis alta ou máis baixa) entre as notas en que rematan os versos da cántiga.
As cadencias relativas indícanse con letras. O significado delas explícao Schubarth así:
Schubarth preséntaas ademais de forma gráfica, moi útil para recordar o sistema:
Imos aplicar as cadencias relativas á seguinte melodía da colección de Xesús Mato. Trátase dun romance cantado por María “de Ferreiro” en Pedrafita do Cebreiro (1984), e interésame saber se a melodía aparece no CPG. Podes escoitalo no APOI:
exemplo a
A melodía consta de catro versos octosílabos. O último verso remata na nota sol, e correspóndelle a letra X. A cadencia do primeiro verso é máis aguda cá cadencia final: correspóndelle a letra A. Para a cadencia do segundo verso empregamos novamente a letra A, pois remata na mesma nota có verso anterior. A cadencia do terceiro verso é máis baixa cá final: márcase cun Y. As cadencias relativas desta melodía son A A Y X.
Para buscarmos esta melodía no índice das táboas do CPG VII temos que atender á ordenación das táboas. (Se tes o volume na casa e queres practicar a buscar a información, este é o momento de sacalo. Se non o tes, podes descargalo en pdf aquí.)
Os tres grupos principais de melodías en que se ordena o volume son:
I — Melodías en que cada cadencia é igual ou máis baixa con respecto aos versos anteriores. II — Melodías con unha ou máis cadencias máis altas ca algún dos versos anteriores. III — Melodías con unha ou dúas cadencias máis baixas ca o 1º grao.
A melodía que buscamos está, pois, incluída no grupo III. Dentro do grupo III hai tres subgrupos: a, b e c. Atopamos o noso esquema de cadencias relativas baixo a letra a, onde a cadencia máis baixa aparece no penúltimo verso (. . Y X), e máis concretamente na táboa 65 (A A Y X), p. 222.** De entre as seis melodías desta táboa, a que máis se asemella á que buscamos é o canto de seitura (letra b) recollido a Herminia en Castro Caldelas (1979):***
exemplo b
Para escoita-lo canto de seitura clica aquí (grupo I, cantos de labor; na parte inferior da páxina está o reprodutor; habilita o adobe flash player, dálle ao play e usa as frechas para avanzar até a melodía 17, e nela á segunda estrofa!).
A continuación vemos as dúas melodías arranxadas de forma sinóptica, con dous versos por pentagrama.
As melodías tradicionais son moi maleables. Déixanse acompañar de todo tipo de ritmos, de todo tipo de textos, de versos con diferente número de sílabas, aparecen en contextos moi distintos, con escalas distintas… A estrutura melódica, representada principalmente polas cadencias melódicas por razóns que Schubarth explica na introdución ao CPG VII (§ 13), demostra a súa utilidade en casos coma este, onde atopamos variantes melódicas moi próximas en cantos con distinta función (romance relixioso e canto de seitura). Non é un sistema perfecto (ningún o é, a clasificación de música tradicional é un campo moi complexo), pero si o máis válido, na miña experiencia. Acaído para o tipo de repertorio ao que se aplica e útil, como sistema lexicográfico, para atopar melodías.
♦ — ♦ — ♦ — ♦ — ♦
Nota de opinión: oposicións
Na preparación á proba de análise das oposicións a mestres de música inclúese xeralmente o íncipit melódico tal e como Schubarth o empregou en Cántigas populares (Vigo: Galaxia, 1983), anotando as seis primeiras notas do inicio da melodía. A utilidade do íncipit melódico para atopar melodías emparentadas é moi limitada (fóra de repertorios pechados, onde copias dunha mesma transcrición, dunha mesma execución, aparecen en distintos arquivos persoais e publicacións).
Pola contra, as cadencias son elementos máis estables e representativos do desenvolvemento melódico dunha cántiga. Simplemente pola súa utilidade para manexar ese gran dicionario melódico que é o CPG VII e atopar, quizais, variantes de melodías ou de letras recollidas na zona do noso centro de ensino, penso que debería considerarse a súa inclusión nos criterios de análise (e mesmo substituír ao íncipit melódico). Na miña opinión, non ten sentido resaltar un elemento que a propia Schubarth non volveu empregar desde 1983, e non prestarlle sequera atención a un que é clave na ordenación do CPG VII e que nos da información relevante sobre o tipo de cántiga que temos diante.
Con seguridade hai asuntos máis importantes que tratar ca este, sobre a proba de análise para as oposicións a mestres de música, pero han de quedar para outra entrada.
Notas
*Para ler sobre o sistema de numeración dos graos da escala, clica aquí; sobre as cadencias absolutas, clica aquí.
**A primeira melodía da páxina pertence aínda á táboa anterior, a 64. Debaixo de “Táboa 65: A A Y X” temos 6 melodías (letras a-f). Cada melodía comeza no lado esquerdo e ten o último verso na páxina dereita (223).
***Partitura revisada e reeditada.
Este material pódese empregar nas condicións que a licenza de creative commons indica, no fondo desta páxina. Queres apoiar este traballo? Segue o blogue deixando o teu enderezo de correo electrónico no widget do lado dereito da entrada e premendo en “Seguir”: recibirás notificación automática dos novos artigos cando sexan publicados. Ou fálalle aos teus coñecidos músicos del ou dos cursos que dou. Gracias!
que interesante! gracias
GústameLiked by 1 person