Romanceiro tradicional

O pasado mes de novembro aCentral Folque publicou Romanceiro tradicional. Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na Galiza (1977-1983), onde me ocupei da parte musical que completa o texto do experto no romanceiro e colaborador do SMP José Luís Forneiro.

[Nesta entrada tes: 1) un resumo e comentario da parte musical; 2) máis abaixo, ligazóns a audios dispoñibles na Rede doutras variantes melódicas, citadas nas notas ao pé da parte musical do libro.]

IMG

No seu escrito sobre o romanceiro tradicional, Forneiro resúmenos os resultados das recollas do SMP: realizadas en 302 lugares das provincias de Lugo e Ourense, principalmente, deron como froito máis de 3.700 versións completas ou fragmentarias de romances (número superior ao de romances conservados no Archivo Menéndez Pidal ou ao de textos publicados até o día de hoxe). Segundo Forneiro, “podemos estimar que o romanceiro da Galiza está integrado por versões de uns 170 temas diferentes. O SMP nas suas pesquisas conseguiu reunir versões de 130 temas, entre eles 15 novos romances.”

Neste volume publícase por primeira vez unha selección das gravacións procedentes do Archivo Sonoro del Romancero (ASOR) da Fundación Ramón Menéndez Pidal, entre as cales destacan pola súa música os cantos de sega recollidos en Soutochao (Vilardevós) ou os romances que cantaron Emilia López Fernández (de Pedrafita do Cebreiro) e María Porfirio (do Incio).

Os apartados A música dos romances e O estudo da música do romanceiro tocan os seguintes temas:

Letra e música / Melodías vellas e novas / Variantes / Melodías, xéneros / A estrofa / Relación entre música e texto: a) forma; b) melodía, ritmo musical e prosodia / Ritmo e modo de interpretación / Compases / Unidades musicais e textuais / Variantes estróficas // Compilacións en Galicia / As achegas do Seminario Menéndez Pidal / Perspectivas

A descrición da música detense nun aspecto indispensable no canto tradicional, e que na miña opinión precisa de maior destaque, pois é esquecido ou tratado de maneira apenas testemuñal por investigadores que publican melodías de romance (Susana Asensio ou Miguel Manzano, entre outros) e por intérpretes do revival da música tradicional: as variantes estróficas. É dicir, as varias solucións melódicas cantadas en distintas estrofas.

Refírome, por exemplo, a forma en que Emilia López Fernández cambia espontaneamente a melodía do romance Morte do príncipe D. João e lle dá en cada volta unha forma distinta. Informantes coma ela non só coñecen cántigas, non son só almacéns de sons e melodías que repiten unha e outra vez da mesma forma, senón que son músicas, teñen musicalidade e transmiten a música dunha forma espontánea que se actualiza cada vez que se canta.

Por outra banda, na preparación do traballo considerei prioritario situar as melodías desta selección dentro do repertorio de Galicia e no seu contexto panhispánico. Para isto é imprescindible recorrer ao Cancioneiro popular galego, onde Dorothé Schubarth estuda en detalle os aspectos musicais e textuais dos romances e traza correspondencias con melodías publicadas noutros cancioneiros, galegos e ibéricos en xeral. Tamén achego variantes das tradicións asturiana, castelá, manchega, portuguesa ou brasileira, é dicir, doutras ramas do romanceiro panhispánico do que forma parte a tradición de Galicia. A lista de variantes só pretende ser ilustrativa, non exhaustiva!

Atopar as variantes das melodías recollidas polo SMP no Cancioneiro popular galego (saber se estas melodías xa foran rexistradas ou non) foi bastante sinxelo gracias ao sistema de clasificación e ordenación das melodías que empregou Dorothé Schubarth. Considerei necesario, ademais de amosar resultados, facer explícito o proceso de busca principalmente a través das cadencias relativas e as táboas do volume VII do CPG, obra tan louvada como pouco lida e peor comprendida. Desde o punto de vista do investigador da música, é unha mágoa que o material doutras coleccións de melodías de romances non estea ordenado de forma semellante. Sobre este tema será necesario volver noutra entrada (e tamén sobre o sistema de clasificación e da busca de melodías no CPG).

Anímovos a que escoitedes a melodía pentatónica de Celinos (Emilia López Fernández) ou do Gato do convento, a versión pousada e ben adornada do Conde Alarcos do tío Lindo dos Córragos (Degrada, Cervantes), ou melodías máis simples como a da Loba parda. Todo isto, á marxe das espléndidas versións de textos de romances como o Belardo e Valdovinos recitado polo cego Pedro Leoncio (Estrada, Cervantes).

Alégrome de que finalmente saísen á luz as recollas do Seminario Menéndez Pidal e de poder colaborar neste traballo, posible gracias á colaboración da FRMP e ao esforzo de José Luís Forneiro, Ramon Pinheiro Almuinha e a equipa de aCentral Folque. E espero que o romance (xénero relegado a un segundo plano no revival da música tradicional en Galicia) e o gusto por cantar estas historias, que por antigas non deixan de ser actuais, agrome de novo.

Para os que xa tedes o libro: podedes consultar no que segue os audios doutras variantes musicais dos romances seleccionados. Inclúo o número da nota ao pé, a páxina en que aparece, un pequeno comentario e mais a ligazón ao audio dispoñible na Rede. Se queredes facervos cun exemplar, á parte de preguntar por el en librerías podedes atopalo aquí.

Ligazóns directas a gravacións doutras variantes melódicas

(citadas nas notas ao pé da parte musical do libro)

#02 Morte do príncipe D. João.

1 (p. 90)variante ligada a texto de romance vulgar (APOI, ID#346)

2 (p. 90)variante con romance, gravada por Alan Lomax en 1952 ao pastor de Cáceres Juan Campo Barquillas.

#05 — Gerinaldo+O conde Sol

3 (p. 104)A melodía ten afinidade coa dunha versión do romance Quinta-feira santa+O rasto divino (IGR 0064.1+1537.1) publicada no APOI (ID#307)

#06 — O conde Alarcos

4 (p. 108)versión moi semellante en ritmo e melodía, tamén de dous versos e coa letra do Conde Alarcos, cantouna Hermitas Varela en Mesía en 1985 (partitura 06.2). Atópase na colección de Baldomero Iglesias Mero no APOI (ID#209)

#11 — O conde preso

5-6 (p. 119)variantes compiladas por Xosé Luís Rivas Mini e publicadas no APOI (ID#77 e ID#118).

#12 — Celinos

7-8 (p. 123)Coa letra do Almocreve e os sete ladrões (IGR 0134) atopamos outras gravacións desta variante melódica, de Ciudad Real (Mañero 2015nº de ref. 0421r) e de Jerez (Petersen, ficha nº 3109).

#16 — O conde Alarcos

9 (p. 135)variante compilada por Samuel G. Armistead entre os sefardís de Tánger, publicada en Fraile Gil 2010 (corte 15 do 1º CD) e dispoñible tamén na web do Archivo Internacional del Romancero pan-hispánico (Petersen, ficha nº 9368).

#17 — Conde Claros em hábito de frade

10 (p. 139)variante coa letra da Irmã perdida (IGR 0169) de Colmenar Viejo (Madrid); José Manuel Fraile Gil, Primera antología sonora del romancero e Petersen; ficha nº 2587).

#18 — Adoração dos Reis Magos

11-12 (p. 141)tipo melódico non exclusivo do ciclo de Nadal; acompaña a letras doutros romances, como A devota do rosário (IGR 0212) e Conde sentenciado despede-se da sua mulher (IGR 0396): APOI, ID#128 e ID#334.

 

Datos         Romanceiro tradicional. Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na Galiza (1977-1983). José Luís Forneiro, Sergio de la Ossa. Santiago de Compostela: aCentral Folque, 2019. Libro-CD, col. Chave Mestra nº 18. 154 páxinas, con fotografías orixinais e partituras. ISBN 978-84-949511-7-6

Estas entrada foi publicada en romanceiro, Variantes coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s