Dous cantos de Nadal

As dúas melodías de que trata esta entrada son bo exemplo da riqueza de ritmos, escalas e outros elementos musicais que atopamos no repertorio tradicional, e vannos servir especialmente para ilustrar algúns aspectos do tema da variación. “Dúas” aquí non quere dicir que as melodías sexan distintas en todo; de feito, o interesante é ver como en realidade son moito máis semellantes que diferentes.

A primeira, en modo de re ou dórico e compás de 3/4, cántaa Corona moi repenicada (para escoitala clicade aquí. Os datos das recollas están ao final do texto):

MUS054 revisado

A segunda, en modo de sol ou mixolidio co 3º grao pivotante e compás de 5/8, cántaa Alicia Díaz Blanco (podedes escoitala aquí):

MUS248 revisado

Se atopamos estes exemplos en lugares separados dun cancioneiro, ou en cancioneiros distintos, quizais non sospeitemos da proximidade entre eles, pois elementos importantes como o compás (3/4; 5/8) e o ámbito (1-8; V-5) son diferentes.

Ritmo

Os versos de oito sílabas en ambos os casos están articulados en dúas metades grazas a un padrón básico de catro sílabas. A única diferenza entre os dous padróns está na duración da terceira sílaba:

Comparación ritmos

Non sería correcto sinalar o padrón en 5/8 como variante do de 3/4 só por ser este último máis habitual; en realidade, ambos son equivalentes: dúas das realizacións posibles nun sistema rítmico no cal é moi frecuente intercambiar entre si valores breves e longos.

Melodía

Aquí a cuestión é máis complexa. A efectos de comparar mellor é útil reescribir os aguinaldos (exemplo 1) con nota final re: deste xeito vemos que comparte a meirande parte das notas dos versos I-II co exemplo 2.[1] Tamén na análise da melodía é importante a articulación dos versos en dúas metades (ao que contribúe o padrón rítmico de catro sílabas), mediante o uso de secuencias e variacións.

O comezo de ambas as melodías é practicamente idéntico: despois do salto ascendente de 4ª, a melodía ascende outra 4ª máis.

MUS054-MUS248_I

Na primeira metade do verso II, malia empregárense practicamente as mesmas notas, difire a ordenación delas. Na segunda metade volven coincidir as dúas versións.

MUS054-MUS248_II

No verso III diverxen algo máis as melodías, mais só na altura das notas: o intervalo final dos motivos básicos (descenso de 2ª) é idéntico. Outro elemento que se mantén nos dous exemplos é a secuencia descendente da segunda metade do verso con respecto á primeira (unha 3ª ou unha 2ª)

MUS054-MUS248_III_r03

O verso IV do primeiro exemplo descende en secuencia case literal, mentres que no mesmo verso do exemplo 2 a melodía xira arredor da nota final.

MUS054-MUS248_IV_r

De feito, aseméllanse máis entre eles o verso IV do exemplo 1 e o verso III do exemplo 2 ca o verso III de ambos entre si (mantéñense máis elementos, non están tan variados):

MUS054-MUS248_comp_III-IV_taboa

A modificación dos motivos empregados e outras características darannos aínda que falar noutra entrada.

Como resumo, cómpre destacar a equivalencia no ritmo; a coincidencia de motivos melódicos ao comezo de ambas as cántigas; cando as notas non coinciden, aínda temos equivalencia na relación de altura entre dous elementos (primeira e segunda metade do verso); e na dirección (ascendente ou descendente) de intervalos.

 

[1] Se ben a convención de escribir todas as cantigas con nota final sol en 2ª liña obedece a razóns comparativas (as semellanzas entre melodías vense inmediatamente ao escribilas no mesmo lugar do pentagrama, mesmo cando se cantan con escalas distintas), certas cántigas comparten conxunto de notas mais rematan en graos distintos. Neste caso concreto a convención anterior dificulta a comparación.

♦—♦—♦—♦—♦—♦

O texto desta entrada é tradución e ampliación dunha parte do artigo publicado en 2012: de la Ossa, S.: “Karácsonyi énekek Galíciában” [Os cantos de Nadal en Galicia]. In Szalay, Olga [ed.]: Tükroződések, volume de estudos en homenaxe a Mária Domokos. Budapest: L’Harmattan—Könyvpont Kiadó, pp. 457-487.

Exemplos tomados de:

Museo do Pobo Galego: Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Santiago de Compostela. http://apoi.museodopobo.gal.

1: ID#57 (partitura — ficha); cantada por Corona, no Toxal, Sabucedo — Porqueira, ca. 1979. Compilador: Francisco Rodríguez. Colección de Baldomero Iglesias.
2: ID#312 (partitura — ficha); cantada por Alicia Díaz Blanco (55) en Vilameá, Argozón — Chantada, ca. 1975. Compilador: Xesús Mato.
[consultadas 2 xaneiro, 2019]

Este material pódese empregar nas condicións que a licenza de creative commons indica, no fondo desta páxina. Queres apoiar este traballo? Segue o blogue deixando o teu enderezo de correo electrónico no widget do lado dereito da entrada e premendo en “Seguir”: recibirás notificación automática dos novos artigos cando sexan publicados. Ou fálalle aos teus coñecidos músicos del ou dos cursos que dou. Gracias!

About Sergio de la Ossa

músico, profesor, investigador
Estas entrada foi publicada en Variantes coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

1 Response to Dous cantos de Nadal

  1. Pingback: Tempo de Nadal | Análise musical

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s