Esta entrada trata dun tipo de estrofa pouco frecuente: o zéjel. En especial, veremos as conexións entre forma musical e forma do texto en varias cantigas narrativas de fermosa sonoridade modal, propias do ciclo de Nadal e que pola súa forma son chamadas romances zejelescos. Vexamos primeiro en que consiste a forma de zéjel.
Nos distintos tipos de zéjel existentes alternan sempre tres elementos: un refrán, uns versos de mudanza (chamados así porque neles cambia a rima) e un de volta (á rima do refrán). Se ben a forma máis corrente de zéjel emprega un refrán de dous versos coa mesma rima, neste exemplo recollido en Galicia a rima principal aparece só no segundo verso do mesmo. A estrutura compréndese mellor co seguinte esquema, que se corresponde coas tres primeiras estrofas da canción (ver fontes ao final da entrada).

R=Refrán; M=Mudanza; V=Volta
En canto aos chamados romances zejelescos, ao editarmos os seus textos coma os dos romances tradicionais (na forma comunmente aceptada, con versos compostos, aquí de 6+6 sílabas), vemos que a estrofa resultante conta con dous versos de mudanza, un verso de volta e un ou dous versos de refrán (isto é, catro versos simples de mudanza, dous de volta e dous ou catro de refrán; estes versos simples aparecen aquí como hemistiquios):
Na análise da música empregamos habitualmente o verso simple como unidade; por tanto, e no que segue, os números fan referencia a versos de 6 sílabas.
Letra e música
Especialmente en cantigas de estrutura complexa como estas, é interesante ver como se combinan nelas letra e música. Vexamos estes cinco exemplos tirados do APOI:
1) Os catro versos de mudanza e dous versos de volta desta cantiga culminan nun refrán de dous versos: [4+2]+2 ([mudanza+volta]+refrán). A forma do texto realízase a través dunha melodía de catro versos; repítese primeiro a primeira metade e despois, cunha lixeira variación, a segunda metade. Deste xeito, a volta rima co refrán tanto en texto como en melodía.
Audio: apoi.museodopobo.gal, ID#50
2) A estrutura textual desta canción coincide coa da anterior: [4+2]+2. Os dous versos da melodía da mudanza repítense; porén, a volta e o refrán cántanse con melodías de seu. A nova rima da volta remata cunha cadencia aberta en V, que reclama o peche en 1 ao final do refrán. A volta, aquí, non rima musicalmente co refrán; neste continúase, complétase, a melodía iniciada na volta, e malia ter material distinto, non recibe unha melodía independente. Como nota, o refrán é hipermétrico: en lugar do habitual Estrella los guía, de 6 sílabas, ouvimos Una estrella los guía, cunha sílaba máis debido á sinalefa.
Audio: apoi.museodopobo.gal, ID#55
3) Exemplo de cantiga con refrán de catro versos. Este romance cántao Ramona Graña como guía, xunto con veciños de Lúa, no concello de Pol. A estrutura do texto é [4+2]+4. Os seis versos da estrofa cántanse cunha melodía de catro versos; os dous primeiros versos están repetidos, levemente variados no inicio. A estrutura musical da estrofa péchase coa volta; a outra unidade está composta polo refrán, de catro versos, onde atopamos a mesma melodía ca na estrofa, esta vez sen repeticións.
Audio: apoi.museodopobo.gal, ID#288
4) Trátase dunha variante próxima da canción do exemplo 1, mais cun refrán de catro versos simples ([4+2]+4 en lugar de [4+2]+2). Os catro primeiros versos son practicamente idénticos nas dúas versións; nos catro últimos temos variacións máis importantes: no comezo (Estrella nos guía) temos notas distintas, mais mantense o perfil melódico e a nota cadencial; no seguinte verso (allí han de estar) cambia a cadencia. Este material melódico cantábase coa volta e o refrán de dous versos no exemplo 1. Aquí aplícase aos catro versos do refrán. Entre a mudanza e o refrán temos a volta, coa nova melodía de dous versos. Ademais de estar belamente cantada e adornada, esta cantiga é interesante como modelo con melodía de seu para mudanza, volta e refrán.
Audio: apoi.museodopobo.gal, ID#67
5) Entre os rexistros de romances zejelescos hai cantos sen refrán (4+2). Nesta forma incompleta os versos da mudanza seguen a rimar entre si (cada estrofa cunha rima distinta), mais os versos da volta, de rima en á, fican orfos. O refrán ausente é Antes de las doce a Belén llegar.
Audio: apoi.museodopobo.gal, ID#84
O texto desta entrada é unha tradución e adaptación dunha parte do artigo publicado en 2012: de la Ossa, S.: “Karácsonyi énekek Galíciában” [Os cantos de Nadal en Galicia]. In Szalay, Olga [ed.]: Tükroződések, volume de estudos en homenaxe a Mária Domokos. Budapest: L’Harmattan—Könyvpont Kiadó, pp. 457-487.
As letras completas e as partituras detalladas dos exemplos poden consultarse nas ligazóns ao final das fontes.
Fontes:
Amores, R.: “El zéjel”, en Lengua y LiteratuRAP [blog], 2 de abril de 2015, https://lenguayliteraturap.blogspot.com.es/2015/04/el-zejel.html#more [consultada 12 abril, 2018]
Schubarth, D., Santamarina, A.: Cántigas populares. Vigo: Ed. Galaxia, 1983, pp. 168-170.
—: Cancioneiro Popular Galego, vol. II. Festas anuais. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1986.
Exemplos tomados de:
Museo do Pobo Galego: Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Santiago de Compostela. http://apoi.museodopobo.gal.
1: ID#50 (partitura — ficha); cantada por Dolores Portos (55) na Madalena, Soutelo de Montes – Forcarei, 1983-05-03. Compilador: Xosé Luís Rivas
2: ID#55 (partitura — ficha); cantada por veciñas do Toxal, Sabucedo – Porqueira, ca. 1979. Compilador: Francisco Rodríguez. Colección de Baldomero Iglesias
3: ID#288 (partitura — ficha); cantada por Ramona Graña (guía) e veciños de San Martín de Lúa – Pol, ca. 1978. Compilador: Xesús Mato
4: ID#67 (partitura — ficha); cantada por unha veciña da Seara – Quiroga, 1979-03-24. Compilador: Xosé Luís Rivas
5: ID#84 (partitura — ficha); cantada por Virtudes Castro Ramos na Porta – Sobrado, 1990. Compiladores: José Ramón Rodríguez Ramos, Andrés Sánchez Labandeira. Col. de Xosé Luís Rivas.
[consultadas todas 12 abril, 2018]
Este material pódese empregar nas condicións que a licenza de creative commons indica, no fondo desta páxina. Se queres apoiar este traballo, segue este blogue deixando o teu enderezo de correo electrónico no widget do lado dereito da entrada e premendo en “Seguir”: recibirás notificación dos novos artigos cando sexan publicados. Gracias!