Unha partitura ben editada pode facilitar enormemente a tarefa de análise (e non digamos da lectura!). No seu momento falarei do proceso de transcrición, durante o cal temos que tomar decisións que podemos considerar como análises ou interpretacións previas. Hoxe vou falar da distribución dos versos, dos melismas e as barras de repetición.
Versos, pentagramas
Para cada verso musical (que coincide cun verso do texto) emprégase un pentagrama. Música e poesía forman unha unidade inseparable; baseámonos nos versos do texto para distribuír a música en pentagramas.

Martínez Torner, Eduardo; Bal y Gay, Jesús: Cancionero Gallego. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 1973, p. 105 (nº 239)
Número e extensión dos versos:
É recomendable colocar as barras de compás e os padróns rítmicos verticalmente uns baixo os outros, sempre que sexa posible. Habitualmente, unimos as notas escritas orixinalmente con corchetes separados (empregados principalmente en publicacións antigas) cando conforman un grupo dentro dun pulso: todo isto fai a partitura máis doada de ler e a estrutura moito máis clara (en consecuencia, a análise será tamén máis rápida). Mesma partitura reeditada*:
Anacrusas, compases incompletos
Ao editarmos a música de acordo cos versos do texto atopamos a miúdo casos nos que un pentagrama non remata cun compás completo. Isto ocorre cando a primeira sílaba do seguinte verso comeza en anacrusa. Os versos II e III do seguinte exemplo rematan cun compás incompleto, e polo tanto o pentagrama non se debe pechar con barra de compás: esta aparece despois da primeira sílaba do verso –e pentagrama– seguinte.

Cortizas, Antón: Chirlosmirlos. Enciclopedia dos xogos populares. Ed. Xerais, Vigo, 2001, p. 157. [reeditada]

Erdei, Peter; Komlos, Katalin: 150 American Folk Songs to sing, read and play. New York: Boosey & Hawkes, 1974, p. 58.
—Algúns editores presentan dous versos poéticos nun só pentagrama para aforrar espazo (ou por outras razóns). Nestes casos é aínda recomendable amosar o comezo e final dos versos, por exemplo, separando o par de corcheas:

Erdei, Peter; Komlos, Katalin, ibid., p. 42
Outra solución posible é separar os versos cunha dobre barra:

Paksa, Katalin: Magyar népzenetörténet [Historia da música tradicional húngara]. Budapest: Balassi Kiadó, 1999, p. 127 (escoitar audio)
Melismas
Os melismas márcanse con ligaduras (rodeadas cun círculo na partitura). Se a sílaba sobre a que se canta o melisma é a última da palabra, debe seguila un trazo baixo. Se non é a última, colocamos o habitual trazo entre as dúas sílabas.

Karpeles, Maud (editora): Cecil Sharp’s Collection of English Folk Songs. Oxford University press, 1974, p. 603
A ligadura punteada ou discontinua emprégase cando o melisma aparece só en certas ocasións. Isto é habitual ao final dos versos, nas coplas ou estrofas que rematen en acentuación aguda. No seguinte exemplo, a ligadura discontinua indica que nalgunha das seguintes estrofas as dúas últimas notas cántanse cunha soa sílaba.

APOI (http://apoi.museodopobo.gal), ID#307 (escoitar audio) **
Barras de repetición
As barras de repetición poden colocarse en calquera posición do compás, non só ao comezo ou ao final deste. Se unha canción comeza en anacrusa e remata cun compás incompleto, as barras poden colocarse xusto antes de que comece a sección e xusto despois de que remate. O hábito de facelo cos compases completos, tendo que saltar unha parte do pentagrama e ler unha caixa 1ª e mais unha caixa 2ª, fai máis molesta a lectura e tamén a análise.
É recomendable, pois, colocar a dobre barra de repetición xusto despois da fin da sección (e non á fin do compás) e que nos dirixa ao comezo do material musical (e non ao comezo do primeiro compás completo).

de Andrade, Mário: Os cocos. Sao Paulo: INL, Fundaçao Nacional Pró-Memória, 1984, p. 224.
* É preferible que a nota final sexa sempre
Esta é unha convención internacional na etnomusicoloxía, adoptada en múltiples cancioneiros tradicionais, que fai a tarefa de comparación de melodías moi doada. Certas partituras poden estar copiadas na tonalidade orixinal da edición, mais polo xeral, á hora de editar as pezas para á análise, escribiremos todas con nota final sol en 2ª liña. Volverei sobre este tema con máis calma noutro post!
** Museo do Pobo Galego: Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Santiago de Compostela. http://apoi.museodopobo.gal . [Consultado: 2016-06-16]
Pingback: Consellos — edición de partituras (2) | Análise musical